Praza da Igrexa – Mutante

Proxecto gañador para a Rehabilitación dos edificios do Entorno da Praza da Colexiata

A proposta busca integrarse no devir da evolución urbana da praza sen ningunha intención de imitar o patrimonio do lugar, senón a de expresalo e poñelo en valor.
Como punto de inicio, o proxecto focalízase na conservación dos límites entre propiedades: o parcelario, como aquelo inmutable no tempo (a raíz máis profunda das relacións entre veci-ños) e, por outro, a mutación de aqueles outros límites que separan o individual do colectivo.
A edificación proposta completa o lugar, xerando a cuarta fachada da praza e transformando o escenario urbano, proxectando un entrelazado sutil da escala monumental dunha planta baixa porticada e formalizada en columnas de pedra; coa escala humana, fragmentada e vinculada as pegadas do pasado, da fachada das plantas superiores que quere negar a súa propia condición de límite.
As plantas superiores asumen a tipoloxía de construción entre medianeiras, e fan referencia a un pasado fragmentado e dispar mediante crebas intencionadas que poñen en valor o positi-vo do conxunto edificado actual: o rico xogo de perspectivas que se produce no ascenso dende a praza da Pedra.
Esbózase o desdebuxo da fachada principal, xogando á vez coa relación entre o cheo e o ba-leiro, transcendendo o límite entre o privado e o público, respectando a solemnidade e as proporcións tradicionais, xerando unha fachada que non compita coas edificacións históricas, senón que se distancie delas.
O balance na nova edificación entre o totalmente transparente e o completamente opaco enténdese como símbolo da conexión entre o pasado e o presente. Uniformízase a actuación mediante a formalización vertical dos compoñentes das fachadas de pedra que se difuminan cara á construción orixinal conservada e de zinc bilacado en cor branca en lamas, referen-ciando a un mundo mariño, de velas, mastros, chapas, industria e vida da cidade.
A nivel funcional, proponse que o edificio sirva como centro multifuncional mutable no tem-po. Unha ágora a cuberto, lugar de relación intermedio entre o puramente público, a praza, e o puramente privado: os usos que se desenvolven á marxe do exterior.
Exponse un contedor versátil, con capacidade para evolucionar conxuntamente co barrio e a sociedade que o goza. Un espazo no que se valore o inmutable: as trazas dos antigos límites e a nova fachada como pano de fondo do escenario da praza, e permítase a mutación e tran-sición de usos co tempo.

 

Situación: Vigo