Proxecto gañador para Rehabilitación do Mercado coma Biblioteca Pública de Ponteareas
Unha ágora cultural, interior, situada entre dous niveis urbanos, envólvese nunha pel multifuncional adaptable.
Unha dobre pel que se adapta para que poida ocorrer todo o que ten que ocorrer. Dilátase para acoller o ruído dos nenos, estréitase até desaparecer para poder ver o parque, baléirase para xerar unha terraza, volve estirarse para envolver unha área de estudo silenciosa.
A súa duplicidade e adaptabilidade permítelle ser galería de captación solar, sombra, filtro – xardín, espazo de ventilación, desafogo, un simple recuncho, ou desaparecer para transparentarse.
Con vocación de translucidez ou tamiz, unifícase exteriormente e xera un espazo de luz (especialmente a nocturna) e calma no interior dunha contorna degradada; transparentándose de maneira velada cara aos “canellóns” que a constriñen.
O exceso de estímulos exteriores negativos, orienta ao proxecto cara a unha vocación pacificadora, uniforme, de escala institucional, pero co matiz da permeabilidade parcial.
No centro da envolvente, a ágora pública desprega o seu potencial cultural. Unha bancada nunha gran dobre altura tras o vestíbulo, separando e unificando ambos os niveis, interconectando a vida urbana co centro cultural da cidadanía; convértese no lugar de reunión e debate público, un espazo do que apropiarse para concentrar a vida pública ao redor da cultura.
Dúas dobres alturas: Unha, grande, principal, desprazada cara ao norte para favorecer a entrada da luz natural do sur. Outra, de escala máis reducida, como pequeno claustro interior. A praza, o aberto, enfrontada ao cheo.
A fortaleza da biblioteca é a lectura “física”, o libro en papel. Materialízase este feito na definición de espazos enfocados a potenciar a lectura “in situ”. A introdución dunha variación de escala invisible facilita a apropiación do usuario, creando espazos amigables para a lectura.