Vivenda unifamiliar en Canaval
A vivenda nace entre dous soportais, un de servizo e uso: o taller para as motos e pequenos traballos ao nordés, e outro de descanso e pausa ao suroeste. Encapsúlase unha área de vida interior fluída e continua entre dous planos de formigón: chan e teito, enlazados ao noroeste mediante un muro practicamente cego para protexerse das miradas veciñas, onde só aparecen as iluminacións puntuais da cociña e o lavadoiro.
Entre ambos planos, os núcleos de servizo e as particións formalízanse mediante muros de fábrica vista, favorecendo unha lectura diferenciada e clara do espazo.
As necesidades funcionais da familia satisfanse cunha división en niveis, dedicando a planta baixa aos pais, e permitindo un uso mudable na planta alta para @s fill@s.
Búscase unha continuidade espacial en base a que os habitantes habituais serán unicamente unha parella, polo que as relacións de confianza son máximas. Xérase unha planta baixa case libre, na que o espazo pechado está formado polas áreas de servizo, circulando ao redor do baño principal, ao que se arriman os elementos de almacenaxe. A especialización dos usos prodúcese na variación de anchos entre paramentos enfrontados, e concentrando os principais usos nos espazos en esquina.
Situación: Cangas