Casa N31
A proposta recupera unha construción inacabada do ano 78. Unha vivenda unifamiliar propia do furor construtivo da época, e que comparte temas coa maioría de construcións repetidas na época: unha casa de pedra (¡claro!), planta de vivenda nun nivel superior cunha escaleira exterior máis presencial que funcional, orientada á rúa (aínda que sexa ao norte), sen conexión coa parcela e cunha presenza no territorio máis que negativa (vaia tellado!). Un simple pseudorectángulo no que se distribuían as habitacións a ambos lados dun corredor.
Máis de corenta anos despois, a sucesión familiar, con novos conceptos, decide recuperar a vivenda. Formúlaselles a creación dun gran espazo a dobre altura que lles permita percorrer visualmente, de suroeste a nordeste e de arriba abaixo, toda a vivenda.
O novo fogar familiar orbita en torno a dous espazos comúns da vida pública: na planta baixa, a zona principal de día, transparente cara ao xardín coa súa gran cerdeira nunha nova gran apertura; e na planta superior, o espazo das nenas, aberto ás vistas aproveitando o que era a gran fiestra do salón orixinal.
A proposta baséase nunha conservación, estrutural e construtiva, maioritaria; por responsabilidade e empatía. Distintas incisións realizadas en fachadas e forxados facilitan a aparición dun espazo interior que se significa pola forma na que a luz penetra no interior. O norte para a planta alta, en dobre altura, inundando a vivenda de luz indirecta. O oeste, onde se concentra o xardín, movéndose cara ao interior e aproveitando o sol da tarde no inverno.
A impresionante cerdeira protagoniza a conexión da casa co exterior. Formalízanse os nexos mediante listóns de madeira de castiñeiro. O nexo co xardín, nun “portal” que se prolonga no pavimento exterior. O nexo coa planta superior, nunha escaleira que se esvaece segundo ascende ao espazo superior.
Na planta alta, a área de xogos para nenas permite a conexión familiar, a liberdade de lear e, sobre todo, a creación de lugares de apropiación para as nenas. Na fiestra: o sofá de lectura. Baixo as escaleiras: a casa de xogos.
Os dormitorios dispóñense orientados ao sur, aproveitando a liberación da escasa distancia aos veciños que sofre a planta baixa.
O dormitorio principal, cun gran vestidor, sitúase ao oeste, creando unha continuidade visual coa cerdeira na apertura dun novo oco ao final da perspectiva do corredor transformado en pasarela.
Na planta baixa, a zona de servizos e almacén concéntrase cara ao leste, comunicada coa zona exterior do coche, tras unha porta oculta na parede.
Os ocos de fachada libéranse da concepción “clásica” da casa orixinal: a repetición que non ten en conta a orientación nin a función do interior. O aspecto exterior da casa recomponse libremente, visibilizando as cicatrices do pasado, abrindo novos ocos ao sol e cegando parcialmente os innecesarios ao norte.
Situación: Vigo
Constructora: Construcciones Castro Figueiro SLU
Fotografía: Roi Alonso Fotografía