Despacho para avogada

Despacho para avogada en edificio de vivendas

O proxecto nace condicionado pola busca de luz natural: Unha sucesión de espazos intercomunicados que, para resolver en dimensións mínimas a variación entre áreas de estancia e movemento, negan a ortogonalidade apoiándose, coma argumento, no parquet de castiñeiro en espiga existente.

Xogamos coas espigas na definición da tabicaría e dos revestimentos, proxectando as paredes no teito a partir da malla do pavimento, con xestos mínimos que acaden a diversificación do espazo sen crear compartimentacións. Unha única división, axeitadamente disposta, da que se despregan os filtros de privacidade e acústica en forma de carpinterías de madeira lacada en branco e vidro. Empréganse lamas móviles para a sala de reunións, permitindo a regulación gradual da privacidade nunha solución integrada coa imaxe da oficina.

Recupéranse os acabados iniciais, pulindo o parquet e deixando á vista a estrutura de formigón e a pedra da medianeira, e óptase por reducir á mínima expresión as novas intervencións. Para iso óptase por madeira lacada en branco e paredes brancas, de xeito que o castiñeiro do chan protagonice o espazo.

 

Situación: Vigo

Constructora: David López Galán, S.L.U.