Fachada para clínica de fertilidade
A proposta expón a substitución da fachada dunha clínica de fertilidade, nun edificio de escala pretenciosamente monumental, de acabados ostentosos e propios dos anos noventa, en plena praza Elíptica.
A solución previa de fachada, parecía querer expresarse como lenzo pictórico, nunha composición e acabado propios da súa época.
O proxecto busca achegar á clínica unha imaxe que transmita determinados fundamentos imprescindibles para a delicadeza do momento persoal que viven as persoas que acoden a recibir os tratamentos ofrecidos: discreción, privacidade, confianza, seriedade e profesionalidade.
Ante a argallada “decorativa” despregado polo edificio, búscase unha solución cunha composición rotunda, uniforme e actual. Unha marcada separación en horizontal, e unha proposta de fachada baseada nos cambios de luz e a sutileza.
Uniformízanse as tonalidades, elixindo unicamente dúas cores na mesma gama cromática: un gris pardo suave.
Trabállase co relevo para dotar ao local dunha complexidade sutil, máis delicada. Nos accesos, o relevo tórnase nunha operación de baleirado subliñada polo plano inclinado superior, xerando limiar, transición.
A composición é clásica: plinto – basamento, fuste e capitel; pero cunha resolución formal industrializada e actual.
A base xérase con paneis HPL enmarcados nun relevo de tubo lacado de aluminio, potenciando o despezamento e xerando un contacto uniforme coa beirarrúa.
O fuste soluciónase con lama de aluminio con relevo en zigzag, empregando solución perforada para disimular as xanelas (que requiren un gran nivel de privacidade e agora poden eliminar os vinilos translúcidos). O relevo dota de vida á fachada, facéndose patente nos cambios de tonalidade que se producen entre luz e sombra co cambio de perspectiva no camiñar.
O capitel lévase á mínima expresión, xerando unha discreta cornixa que potencia a sensación de relevo da fachada na proxección da súa sombra.
Para a maquinaria e os accesos a salas de instalacións, óptase por unha solución de lama de reixa disposta en vertical, que permita ocultar os elementos practicables, maximice a sección de ventilación e sirva de pano de fondo neutro para o logotipo da empresa.
Situación: Redondela
Constructora: Operis obras y mantenimiento, SL
Fotografías: Roi Alonso
















