Rehabilitación de vivenda autoconstruída
Unha casa chea de vidas pasadas, gravadas en innumerables engadidos, substitucións, modificacións, capas e necesidades.
Sobre as trazas dunha antiga casa, construída a man, pedra a pedra con aquelas atopadas no lugar, configurouse un fogar que se foi adaptando ás súas necesidades e cos medios dos que dispuñan; alterando a súa altura, empregando primeiro cantaría sobre mampostería, logo ladrillo e revestindo todo o conxunto con azulexo.
Todo iso froito do acelerado crecemento da cidade no século pasado, que debuxou o mapa do Vigo que temos hoxe en día, infestado de construcións de muros de carga de ladrillo e placas ladrilleiras substituíndo as estruturas orixinais de madeira.
Ao redor da construción orixinal, foron crecendo, cal cogomelos, os anexos, os alpendres, incluso un faiado enorme “para un futuro” que nunca chega.
Con este punto de partida, formúlase unha proposta subtractiva: elimínase todo o accesorio, quedando só o necesario.
Nas últimas décadas, expúxose un cambio de paradigma fundamental na maneira de habitar a vivenda e a súa relación coa contorna: agora as vivendas poden situarse en planta baixa con garantías de salubridade e illamento. Esta posibilidade altera radicalmente as premisas da construción tradicional, baseada en situar os cortellos na planta baixa. Hoxe día elementos en desuso, xunto cos lagares; agora permiten habitar o seu interior, e vincular as áreas de día da casa co espazo de uso e goce exterior.
As distintas escaleiras exteriores tórnanse innecesarias e pouco funcionais, polo que se eliminan e xeramos una nova comunicación vertical interior. Nesta creación, xorde unha tripla altura, para gañar luz cenital e soleamiento.
A terraza exterior tórnase tamén superflua, impedindo a chegada do sol á planta baixa e xerando un lugar húmido e frío. Na súa eliminación, reaparece unha imaxe arquetípica da vivenda; e baixo os diferentes revestimentos e capas, debúxase un alzado caracterizado polas diferentes etapas históricas.
Consérvase o volume engadido en planta alta, transformando a súa presenza mediante un sistema de suspensión contrapesado ao interior, que permite conservar o construído. Esta transformación permítenos liberar un espazo exterior lateral á vivenda, a cota da planta baixa; baixo o corpo en suspensión. Pequenas alteracións da topografía configuran a nova orografía, marcada por pequenos muros de contención de pedra.
A imaxe exterior formalízase acentuando o voadizo a través dun mecanismo ben sinxelo: os elementos de pedra conservaranse vistos, e as fachadas de ladrillo protexeranse cun SATE branco, que terá continuidade no acabado branco da cuberta.
Conséguese así un volume que é tradicional e radicalmente actual ao mesmo tempo. Poténciase o soleamento ao sur (a fachada principal de pedra), e minimízanse as fiestras con outras orientacións.
Dentro, un programa austero pero completo, acorde ao espírito da casa. Para conseguir o dominio da luz a pesar da reducida dimensión dos pequenos ocos tradicionais, xérase unha tripla altura ao noroeste, bebendo luz cenital dunha xanela de tellado situada sobre o dormitorio principal.
Ao abrir o oco a tripla altura, permítese á casa contar a súa historia, deixando ver as pegadas do pasado: paredes de pedra con ocos atravesados polos forxados de vigas de formigón e placas ladrilleiras, desvelando etapas anteriores. Visibilizamos o aproveitamento do útil: os elementos de formigón válidos e aquelas placas en bo estado; e permitimos que o sistema estrutural sexa parte da alma da vivenda.
Unha nova cuberta, axustada a unha dimensión máis escalada, proponse con estrutura metálica para encaixar a obra no axustado orzamento. Aprovéitase parcialmente como novo faiado para xogos e estancia, e na zona liberada visibilízanse os tensores que permiten que a precaria estrutura de ladrillo soporte as cargas da cuberta.
O espazo a tripla altura libera o resto da planta alta para tres dormitorios, deixando o anexo agora en voadizo para situar o baño e o vestidor do dormitorio principal.
b
Situación: Bembrive, Vigo, Vigo
Fotografías: Roi Alonso Fotografía
Constructora: Excavaciones y construcciones Laureano Covelo SL
































