Casa Ameal

Casa Ameal
O proxecto formalízase a través do diálogo entre a fragmentación e a continuidade. Un soar estreito e horizontal fomenta a implantación en planta baixa, o que facilitará a busca de continuidades espaciais entre interior e exterior.

A presenza da transitada avenida do Aeroporto leva á busca dunha privacidade modulada. Exterior e interior intercámbianse formando pequenos xardíns vinculados ás diferentes áreas interiores e protexidos da vista dende o exterior. A atomización dos espazos en combinación cunha continuidade baseada na simplicidade material, acadan un resultado que magnifica as intencionadamente controladas dimensións da vivenda.

A horizontalidade xeral do terreo contrasta co desnivel cos puntos de contacto cos viais, deixando unha plataforma a altura intermedia. O acceso de vehículos vincúlase á rúa Ameal, con menor tránsito, o que nos permite situar o garaxe ao norte da parcela, coa área de manobra e acceso principal á casa collendo o sol da tarde.

A vivenda fragméntase interiormente en tres áreas: a área de día ao sur e vinculada ao xardín con piscina e o soportal nacido coma anexo en continuidade; os dormitorios das nenas, para os que se anchea o corredor de acceso xerando un área de xogos vinculada ao salón; e o dormitorio principal con vestidor, baño e unha pequena área de traballo integrada no mesmo. Cada unha destas áreas goza do seu propio xardín, con distintos niveis de privacidade e vinculación ao exterior.

Situación: Vigo