Casa Filgueira
A configuración espacial da parcela na que se formula o proxecto conta cuns condicionantes de especial relevancia: unha xeometría estreita e alongada no sentido norte sur, nun terreo cunha forte pendente descendente de leste a oeste, e unha cota moi elevada sobre a ría de Vigo (240 metros a menos de 2 km da costa) coas vistas tapadas por unha vivenda na área sur.
A necesaria proposta dunha peza alongada de tan só 5,40 metros de ancho, xunto coas condicións climáticas da zona, con forte afección de ventos do noroeste, en combinación cos anteriores condicionan-tes, levan a formular unha proposta baseada na liberación do nivel de planta baixa, trasladando a vivenda a unha planta alta que mellore as vistas.
Proponse un prisma lineal con vocación flotante, enfocado nas vistas, buscando unha composición formal que acompañe ao abancalamento propio do lugar aportando liviandade no baleirado da planta baixa. Formalízase a través dun corpo simple e branco pousado sobre unha estrutura deconstruída de formigón e madeira. Óptase para a planta alta por unha estrutura de paneis de madeira contralaminada (CLT), apoiada na estrutura de formigón, de xeito que se optimicen os tempos de execución de obra e os espesores de fachada para aumentar o espazo interior libre.
Neste prisma se sitúan os espazos interiores da vivenda, orientados intencionadamente ao mar, ao oes-te, motivo polo cal se propón un sistema de protección solar mediante contras corredías de madeira.
Buscando transversalidade e comunicación espacial entre a zona norte da parcela, con vistas a nivel de planta baixa, e a área protexida e soleada ao sur, pero sin vistas; proponse unha planta baixa case diáfana, na que para minimizar custes se propón un pequeno elemento pechado, de servizo e acceso á vivenda, e unha serie de espazos abertos que van graduando a privacidade para servir de xeito multifuncional coma lugar para estacionar os vehículos en inverno, estar e comer en verán, e coa posibilidade de ser pechados a futuro en caso de xurdir novas necesidades espaciais.
Funcionalmente, na planta baixa se sitúa un espazo para instalacións e rocho, con acceso independente dende o exterior; e a entrada principal, con acceso á área de lavandería e un aseo para planta baixa.
En planta alta, a escaleira dirixe directamente cara a área de día, nunha única estancia, deixando ao lado un corredor que da acceso aos baños e os dormitorios, dispostos linealmente con orientación oeste. Os armarios aprovéitanse para xerar as propias divisións, incorporando parte do almacenamento dende a cara exterior para optimizar o interior dos dormitorios, limitados pola anchura total da parcela.
Situación: Vigo