Casa Chouza
A aproximación ao lugar onde se implanta unha vivenda en ocasións deixa unha sensación agridoce. O potencial da riqueza espacial dunha parcela en ladeira, no límite do edificado e rodeada pola fraga, contrasta coa agresiva presenza dunha edificación veciña de catro alturas practicamente enriba ao sur, dándolle sombra no inverno, e cunha porción edificable que roza o absurdo: un ancho variable de tres metros e medio a cinco metros.
A proposta de proxecto permeabiliza a vivenda en sentido leste – oeste, compensando a inexistencia de superficie gozable de xardín coa continuidade espacial entre a entrada e a terraza que se dispón como final da planta alta.
O volume, necesariamente compacto polos condicionantes urbanísticos, fragméntase sobre o desnivel, quebrándose en dúas pezas entrelazadas en vertical, finalizando nunha cuberta que se eleva finalmente para captar a luz e os raios de sol de inverno que a edificación veciña lle nega.
Dótase de ritmo á fachada mediante o relevo dos paneis de Viroc e o modo de entrelazarse co revestimento continuo da planta alta. Cóidanse os encontros en base á modulación dos paneis. Os ocos de fachada aparecen como resultado do deslizamento dos volumes aparentes.
A inclinación alterna dos panos inclinados de cuberta dota dun escape espacial a un interior reducido. Engádeselle a conexión visual directa coas copas das árbores, e unha disposición lineal que potencia as sensacións de continuidade que compensan os reducidos cen metros cadrados construídos cos que conta a vivenda.
Invertemos o programa, situando a área pública na planta alta, permeable e unida á paisaxe. Na planta baixa, unha disposición en peite ao redor dun corredor que se fai un co dormitorio secundario, pensado para subdividirse no futuro, grazas a dous corredías e á duplicidade de armarios que completan o servizo da vivenda.
A formulación bioclimática céntrase no aproveitamento viable da escasa orientación sur prestada pola edificación que lle dá sombra. O corredor de planta baixa emprégase como acumulador térmico, deixando unha fachada norte practicamente cega para minimizar as perdas a través dos ocos.
Situación: Beade, Vigo