Casa San Roque

Vivienda unifamiliar en San Roque

Aprisionado nun soar estreito e alargado en dirección este – oeste, o proxecto satisfai a necesidade dos clientes de desenvolver os espazos de vivenda nunha única planta. Para elo esténdese lonxitudinalmente situando a cociña coma elemento central, cunha altura máis elevada, directamente vinculada a un patio orientado ao sur, ao redor de cal se organiza o programa da vivenda.

O lixeiro desnivel respecto á rúa resólvese coa implantación dun garaxe e acceso en semisoto, xerando un podio en formigón visto e policarbonato que separa a vivenda dun espazo público non moi agraciado.

Os espazos da vivenda concaténanse a ambos lados da cociña nunha sucesión de volumes que se desprazan á esquerda e dereita segundo se avanza pola vivenda, con portas corredías que permiten o seu uso independente pero pensadas para permanecer ocultas e potenciar a continuidade espacial.

A especialización dos usos prodúcese na variación de anchos entre paramentos enfrontados, e todas as estancias vólcanse a un patio, soportal ou pérgola que regula a privacidade o soleamento e difumina o límite entre interior e exterior.

A imaxe presentada ao exterior é sobria, buscando pasar desapercibida de xeito que dote de privacidade e un ambiente de convivencia amigable para os seus habitantes.

 

Situación: Cangas