Casa Pasiva

Casa Pasiva

Unha gran parcela case horizontal (auténtica rareza en Vigo), nun lugar tranquilo e apartado, sen barreiras visuais e que se estende de noroeste a sueste; permite a xeración dunha casa pasiva nun espazo contido e cunhas condicións óptimas: veciños concentrados na zona noroeste, pendente descendente cara ao sueste e apertura visual cara ao pequeno val.

Proxéctase un volume compacto e uniforme, fragmentado só por dúas presenzas: un garaxe anexo en formigón visto e o corpo voado que alberga os dormitorios das nenas.

O espazo gañado no volume que voa cara ao exterior baléirase no interior, creando unha dobre altura que permite unificar a área de xogos e estudo na planta superior coa área de día abaixo.

A continuidade visual entre interior e exterior, levada ao extremo no enorme acristalamento, contrasta cun ambiente sereno e privado nos espazos de comunicación e uso da planta superior, adaptando os distintos matices que ofrecen luz directa e luz difusa.

A área de noite está dividida entre adultos e nenas, creando unha pasarela que alberga a librería de dobre altura que filtra o espazo da escaleira resolta lonxitudinalmente.

Estruturalmente, o enorme voo da planta alta resólvese transformando a fachada da planta superior nun muro de carga de formigón con capacidade para trasladar os esforzos xerados polos tres metros de voo aos forxados superior e inferior.

As condicións de compacidade, orientación favorable a sueste, concentrando a maior parte dos ocos nesa fachada, protección solar mediante o propio corpo voado e a pérgola deseñada orixinalmente (desgraciadamente substituída por un toldo durante as obras) e illamento continuo, permitiron deseñar a casa coma Passivhaus, eliminando a necesidade do chan radiante e empregando coma sistema de climatización unha pequena batería de auga, alimentada por unha bomba de calor, conectada ao sistema de recuperación de calor que permite optimizar a ventilación da vivenda.

 

Situación: Vigo