Casa Vao
O proxecto expón un volume imprescindiblemente compacto en resposta a dous factores: unhas dimensións mínimas de parcela, e unhas características do terreo delicadas, que requiren de simplicidade na toma de decisións.
O resultado é unha caixiña, como de agasallo, que se abre transversalmente ao xardín condicionada pola proximidade dos veciños. Un volume branco que se desprega mediante panos de madeira termotratada que incorporan os espazos de xardín ao interior da vivenda, ampliando os límites visuais dos espazos e humanizando os espazos privados. En contraste a esta transversalidade da planta baixa, o exterior dos espazos máis privados protéxese das miradas na formalización recuada dos seus ocos, con recercados compartidos que modulan a escala da edificación.
A piscina, fundamental para os propietarios, pénsase como unha peza máis da vivenda. O soportal cuberto posterior emprégase como elemento de unión entre ambos, centro da vida privada para a familia en relación directa co xardín.
Interiormente, trabállase na continuidade visual e a fluidez da luz. A área de día ocupa de lado a lado a vivenda, comunicando todo o xardín co interior. Carente dunhas vistas que xustifiquen os grandes acristalamientos, emprégase a luz cenital, a procedente do norte e a indirecta do sur grazas ao recuado do soportal de entrada, para crear unha atmosfera suave e difuminada; en contraste a un duro exterior que require de fortes contrastes e rotundidade.
Os espazos distribúense con criterios bioclimáticos, coidando escrupulosamente que todos os dormitorios e áreas de día conten con orientación sur, e reducindo as dimensións dos ocos con outras orientacións á súa mínima expresión. Emprégase unha combinación de chan radiante e ventilación mecánica con recuperación de calor, en combinación cun factor de compacidade moi elevado, para reducir ao mínimo os consumos enerxéticos da vivenda.
Cóidanse os pequenos detalles, os encontros entre materiais, liberando os espazos de todo o accesorio. As decisións tómanse para pasar desapercibidas, invisibles. Exteriormente, unha gran curva definida polas cesións municipais, que aínda afogan máis á parcela, define a imaxe externa da vivenda. Óptase por un peche parcialmente permeable en diagonal, ofrecendo comunicación e privacidade. Dadas as reducidas dimensións restantes e a topografía completamente plana, se opta por relegar os vehículos a un lateral, sen dotarlles de garaxe cuberto, nunha área de estacionamento suavizada polos acabados “brandos”.
Situación: Vigo
Constructora: Construcciones Urban Miñor SL
Carpintería: Carpintería Dopeso, S.L.
Fotografía: Roi Alonso Fotografía